Tuesday 30 de April de 2024

Augas de Galicia acorda con Ferrol e Narón prorrogar temporalmente o convenio de xestión do saneamento da ría


O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, reuniuse hoxe cos alcaldes de Ferrol, Jorge Suárez, e de Narón, José Manuel Blanco, para abordar a xestión dos servizos de saneamento e depuración da ría de Ferrol

Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, acordou hoxe cos concellos de Ferrol e Narón prorrogar temporalmente o actual convenio de xestión que establece que o concello de Ferrol é o encargado de explotar as infraestruturas de saneamento da marxe norte da ría.

Esta foi unha das principais conclusións da reunión mantida hoxe entre o director do ente autonómico, Roberto Rodríguez, e os alcaldes de Ferrol, Jorge Suárez, e de Narón, José Manuel Blanco.

En calquera caso, tal e como quedou constatado no encontro, esta prórroga é unha solución urxente que se habilitará mentres se traballa na definitiva, que pasa por unha xestión municipal mancomunada, de xeito que a Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol sería a encargada de xestionar a rede de colectores, bombeos e depuración da marxe norte, así como a rede de colectores e bombeos da marxe sur. Pola súa banda, a Xunta mantería a explotación da EDAR de Punta Avarenta na marxe sur, en virtude do contrato de concesión que ten na actualidade.

Así mesmo, Augas de Galicia mostrou a súa disposición a axudar aos concellos de cara o desenvolvemento deste sistema de xestión. Precisamente, hoxe mesmo xa lles fixo entrega de documentación técnica que servirá de base para que a mancomunidade poida avanzar nesta liña e poida elaborar os pregos de xestión. En concreto, o organismo autonómico entregoulles unha estimación inicial sobre os custos de explotación do novo servizo, e un borrador das prescricións técnicas de xestión do mesmo.

Tendo en conta que o procedemento da xestión mancomunada levará certo tempo, os concellos solicitaron axuda da Xunta para explotar as instalacións da marxe norte á vista da inminente posta en servizo dos novos colectores interceptores. Augas de Galicia ampsou a súa vontade ao respecto de xeito que o organismo autonómico explote a EDAR de Cabo Prioriño e o bombeo da Malata, repercutindo os custos aos concellos, mentres a Mancomunidade non se poida facer cargo da xestión.

Augas de Galicia iniciará agora a tramitación necesaria para asumir este compromiso e, mentres tanto, a xestión, como se indicaba anteriormente, quedará cuberta pola prórroga do convenio vixente.

Por último, e en canto á EDAR, estase á espera de recibir os informes sobre o estado da depuradora que encargou a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que foi a responsable da execución da obra. Logo de que se reciban eses informes, procederase a convocar unha nova xuntanza entre os concellos, a Confederación Hidrográfica e Augas de Galicia para tratar este asunto en concreto.